Con moito agarimo para o noso Mini
NORABOA MINI!!!!!!!!!!!!
E Velaquí a xeración do 93. Primeiros alumnos de Mini no CPI Armando Cotarello Valledor.
Vello barbudo, como esquecer os crocodilos e as
pirañas que gardabas naquela fermosa barba canosa.
Aprendéchenos, Mini, que lápices, bolis, tizas, grampadoras, borradores e outros útiles escolares podían voar. Como esquecermos que o coche amarelo surcaba o aire sobre as cabezas protexidas polas nosas mans. E o son dos zocos (marabillososo cubre pés de madeira típicos da xente galega) que nos alertaban da túa cercanía.
A xeografía nos libros pode resultar aburrida, pero en troques o contacto coa NATUREZA é máis divertido. Ensináchesnos desta maneira, o que é un castro (olladas ós nosos antepasados) e o nacemento do río máis longo dos mil da nosa terra, O Miño.
Puntean aínda nos nosos oidos as notas de aquelas cancions cantadas entre sorrisos, caras avermelladas da vergoña, voces desafinadas e sen desafinar e a sensación de que o mundo se estendía ante nós en forma de ledas esperanzas.
Grazas`por facernos creer na lectura e no que cada un escribe. De ti aprendimos, voluntariamente, a querer á nosa Galicia e a valorar a nosa vida como única.
QUEN POIDERA NAMORALA, MEU AMIGO
Paula Quintás López, Ana Otero Fidalgo, David Tojo, Iria Vázquez Rodríguez.
Non temos palabras para mostrar o orgullo, a satisfacción e a ledicia que sentimos polo recoñecemento ao teu traballo. Así que navegando un pouco atopamos moitas noticias sobre o galardón que copiamos directamente:
Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero, foron distinguidos co premio Pedrón de Ouro-2009 polos esforzos e o traballo que realizan desde 1972 para recuperar e transmitir o patrimonio oral de Galicia.
Así mesmo, a Fundación do Pedrón de Ouro outorgoulle o Pedrón de Honra 2009 á filóloga romanesa Mariana Ploae-Hanganu, polo seu "labor de difusión" da lingua e literatura galegas no seu país, informou un comunicado.
O Pedrón de Ouro recoñece a personalidade ou entidade viva e residente en Galicia "que máis destaque na defensa e na promoción das diversas facetas da cultura nacional" ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Pola súa banda, o Pedrón de Honra distingue unha personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra de Galicia, que máis destaque coas súas achegas ao "engrandecemento da Nación e a súa cultura", engade a nota.
Tanto Mini e Mero como Mariana Ploae-Hangagu recibirán os seus respectivos premios o 24 de maio, nun acto literario que se celebrará ás 12.30 horas na Casa Museo de Rosalía, en Padrón. Mini e Mero, que pertencen actualmente ao grupo de música tradicional 'A Quenlla', manifestaron en declaracións a EFE que o Pedrón de Ouro supón para eles unha "gran satisfacción", ademais dun "empurrón" para seguir recompilando cancións, refráns, lendas e outras expresións da cultura oral galega.
Ademais, Mini sinalou que ese galardón "tamén se lle está dando a moitas persoas" que desenvolven tarefas similares "en silencio", e asegurou que nin el nin Mero "o merecen", porque o seu traballo "é un acto egoísta, é beber dunha fonte na que outros non poden".
Os dous musicólogos coincidiron en que o "mérito en si" é ter a oportunidade de "redescubrirse a si mesmos" a través da investigación cultural que emprenderon hai case corenta anos, e que continúa hoxe en día, porque lles axudou a "vivir dun modo harmónico co ser de Galicia".
Mini e Mero recompilaron material por toda a xeografía galega, pero, fundamentalmente, na súa comarca natal, a Terra Cha, e as zonas de Boimorto e Mesía, onde exercen de profesores. Os etnógrafos aseguraron que é "imposíbel" contabilizar o material recompilado estes anos, arquivos que pretenden "difundir" e "poñer nun gran foro" porque "son patrimonio de todos".
xornaldeGalicia.com
É coñecido o seu compromiso e activismo con multitude de causas, tanto a defensa da lingua galega, a recuperación da memoria histórica ou a protección do medio natural; este compromiso lévaos a participar en actos organizados por todo tipo de asociacións e colectivos, por pequenos que sexan.
vieiros.com
Mini e Mero son tamén o cerne d´A Quenlla, como o foron antes de Fuxan os Ventos, as dúas formacións case mitolóxicas da música popular galega. A Quenlla, xurdida en 1984, puxo todos estes anos unha especial atención na cultura tradicional, asumindo como base a memoria colectiva e, como fundamento histórico, recuperala do abandono e do esquecemento. É por iso que moitas veces traballan con textos de poetas e de escritores para, imprimíndolles musicalidade, devolvelos en forma de canción e de mensaxe.
E, por fin, Mini e Mero son Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, dous chairegos inseparábeis da fornada de 1951, nados os dous no mes de Sanxoán, aquel en Pacios e este en Vilalba, no cuartel vello. Dous grandes tipos que están sempre alá onde se reivindica e defende a nosa cultura. Dúas magníficas persoas a quen se pode calificar, sen temor a esaxerar, de bos e xenerosos.
avozde vilalva.com

Chúzao
del.icio.us
Ben por Mini!! Mil noraboas!!!
Belén | 20-04-2009 - 20:33:52 GMT 1 #