Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

aventuras na biblioteca

11/11/2008 GMT 1

Misterio na bilioteca, 2ª parte

marga-g @ 19:05

Debe haber meigas ou ananos no colexio...
Hoxe, no recreo,  descubrimos unhas pegadas amarelas na planta baixa.
Seguímolas polas escaleiras e chegamos ao segundo piso, vaia sorpresa cando vimos un atril cun cartel novo do detective Mickey que nos decía:
                      Ummm...
          Algo sospeitoso está pasando na Biblioteca.
                   Seguirei as pegadas...

E nós tamén as seguimos e sabedes o que atopamos?

                       dsc07535.JPG                 

Que pensades do asunto?
Que pode significar esta imaxe e ese enorme interrogante?

Non vos preocupedes porque dende a biblioteca de Boimorto seguiremos informando.

10/11/2008 GMT 1

Misterio na biblioteca

marga-g @ 20:17

Hoxe cando subimos á biblioteca descubrimos un cartel no taboleiro cunha imaxe de Mickey facendo de detective da que saía un globo coa seguinte frase:
                               Ummm...!
                               Aquí vai pasar algo!

A verdade é que non temos nin idea do que vai suceder pero queremos deixar constancia do noso interese e expectación.

dsc07533.JPG

Que sucederá?
Cando?
Como?

Iremosvos informando a medida que vaiamos descubrindo o misterio.

¿QUERES PASAR MEDO?

teresa.adran @ 19:10

Se non che gusta pasar medo, non pases pola biblio este xoves ás 12:15, porque quedaremos a escuras... e os rapaces de 1º A de ESO contaran unha historia de terror...

...se non queres ter pesadelos...

...non veñas...

09/11/2008 GMT 1

Cami volve á nosa biblioteca

marga-g @ 13:15

dsc07457.JPG

Que ilusión a do venres pasado!
Resulta que o noso amigo Cami, lembrades?: O ratiño que ven da aldea "Lonxe de todo" e percorre as biliotecas de moitos coles de Galicia, estivo con nós outra vez.

Xa o xoves recibimos unha interesantísima carta que vos mostramos aquí e que nos fixo adoecer por ver a Cami:

Lonxe de todo, 7 de novembro de 2008

Ola nenos e nenas!

Como estades? Que tal vos vai este ano polo cole? Xa me enterei de que estades a practicar un montón co danzarico. Eu tamén estiven practicando, pero aínda non o manexo con demasiada soltura, por dicilo dalgunha maneira… A verdade é que non o manexo nada ben, porque non vos é nada fácil, como vos sabedes. E ademais, para min, aínda é mais difícil que para vós, que nunca sei onde empeza o cordón do peón e onde remata o meu rabo!!! Teño que seguir practicando para chegar a bailalo tan ben coma vós... Pero este ano non vos teño moito tempo, xa que… empecei na escola! Mimadriña, canto chorei o primeiro día, e o segundo!… Eu que non quería ir, miña nai que si que tiña que ir, eu que non, ela que si… E ao fin, fun. E tampouco foi para tanto. Á verdade é que estou ben contento, pero xa vos contarei todo cando vos vaia visitar.

E que ganas teño de vervos outra vez, nenos e nenas, e comprobar canto medrastes este longo verán. Tamén me apetece ver a vosa biblioteca, que é o meu sitio preferido do cole!... Ai a biblio! cos seus contos… Cantos contos! e poemas, cancións, receitas, cómics, revistas, panxoliñas, ditos, refráns, adiviñas, trabalinguas .... Ummm! Xa se me fai a boca auga, ...digo ..a boca queixo! A vós non, nenos e nenas? Seguro que disfrutades da maxia da lectura tanto coma min, soñando e viaxando coa imaxinación por diferentes lugares, épocas, historias, lendas e aventuras. De seguro que logo estarei aí con todos vós para poder compartir uns anaquiños de risos, parrafadas e moita, pero que moita diversión e ilusión.

Un biquiño,
Cami

Esta vez contounos dous contos ben bonitos:"Timoteo va a la escuela" de Rosemary Wells

                 dsc07466.JPG    

e "Los juguetes de Chuli" de Mark Inkpen.

           dsc07471.JPG

Canto disfrutamos!
Publicamos estas fotos para que lles contedes ás mamás e aos papás, ás avoas e aos avós e a quen queirades o que vivimos, o que escoitamos, rimos e soñamos o venres pasado.

03/11/2008 GMT 1

1º de Primaria visita a biblioteca

estelamiguez @ 19:11

Ola a tod@s!
Fai algúns días, as nenas e nenos de primeiro saímos da aula para facer unha visita a un lugar moi especial: a nosa biblioteca.
Alí, non só vimos a cantidade de cousas que podemos facer e a morea de libros cos que podemos traballar senón que tamén se nos ocurriron un montón de cousas que NON deberíamos facer. Vamos a compartir con todos vós as conclusións ás que chegamos, a ver se estades de acordo!!!

Cousas que NON se poden facer na biblioteca:ninos.jpg

1. Correr nin pelexar na biblioteca.
2. Gritar.
3. Comer e beber.
4. Descolocar, romper ou escribir os libros.
5. Descolocar, romper ou escribir as sillas e mesas.
6. Molestar ós compañeiros.
7. Roubar os libros.
8. Pintar nas paredes.

Que vos parece??
Estamos no bo camiño??

Non se nos ocurriu ningunha máis, por iso escribimos aquí, para que nos axudedes entre todos a saber que cousas non se fan na biblioteca. Así que, non dubides en deixarnos un comentario, tanto no blogue como no buzón que está na biblioteca.

Estaremos encantados de ver as vosas opinións.

30/10/2008 GMT 1

1ª Edición do ciclo de Contos no curso 2008/09

mgf @ 13:59

Onte foi un día moi especial, os corredores da planta baixa enchéronse de algarabía e rebumbio entre as tres e media e catro da tarde, xa que estabamos a piques de celebrar unha nova edición do ciclo de Contos.

                                  dsc07430-1.JPG

A esa hora todas e todos tiñamos decidido o conto que máis nos apetecía escoitar, e non fora fácil a elección...Desexabamos saber de que cor eran os bicos, que lle pasara a aquela muller que batera nunha araña, que era iso dun ichó e quen era o tal Filomeno, un home ou unha muller?

 dsc07433-1.JPG   dsc07432-1.JPG

Previamente nas aulas tentamos dividirnos para que todo o grupo estivera presente nas diferentes historias, daquela podiamos enterarnos de todo o que pasara...Foi grazas a esta boa organización, tanto das mestras e mestres coma das nenas e nenos, que esta nova edición resultou todo un éxito.

Agradecemos a todo o colectivo e en especial ás rapazas e rapaces de 6º P. que acompañaron e organizaron a distribución dos grupos.

22/10/2008 GMT 1

Anamanana

marga-g @ 16:05

Onte na biblioteca leuse o conto Anamanana.
Esta narración é unha lenda galega sobre os maleficios que sufriu un home por ter faltado a un trato.
Recordades o conto?
Quen era Anamanana?
Como acabou?
Escribide as vosas respostas asinadas por detrás e depositádeas no buzón da biblioteca. Quen sabe?, ao mellor recibides un agasallo.

15/10/2008 GMT 1

A Cincenta na biblioteca

marga-g @ 23:14

Non é fácil describir con palabras a impresión que nos causou o conto da Cincenta que fixo Ana García Quintela o curso pasado.
Esta rapaza, alumna de 4º da ESO do noso cole deixounos totalmente abraiadas a medida que ibamos abrindo o conto, desplegando ventás e colocando todos os elementos dese mundo de fantasía.
Moitas grazas Ana, por querer compartir con nós esta preciosidade.

imgp0342.JPG

Non vos perdades a presentación desta obra de arte e subide á biblioteca o vindeiro venres 17 de outubro.
Repasade o conto da Cincenta e axudádenos a contalo neste marabilloso escenario.

imgp0339.JPG

Lunáticos

teresa.adran @ 18:51

Seguro que xa líchedes nos xornais que os chineses queren pisar a Lúa antes do 2017... pero o que aínda non sabedes é que os alumnos de 1º da ESO de Boimorto pode que cheguen moito antes...
Non queremos dar moitas pistas, pero antes de que remate o curso, os rapaces do Proxecto Interdisciplinar (esa nova asignatura de 1º da ESO) saberán moito máis do que vos imaxinades sobre o satélite máis enigmático, hipnótico e máxico que existe...quen sabe, ata pode que fagan unha Viaxe á Lúa...

 Remexede na biblioteca, que de seguro que atopades abraiantes datos e historias sobre a Lúa. Deica logo!

 

Boimorto viaxa á Lúa

 

Que contan as ovellas para durmir?

marga-g @ 14:10

Esta semana Concha contounos Que contan as ovellas para durmir?.
Queremos saber se aínda recordades a historia da ovella Bee.
Farémosvos logo unhas preguntas que desexamos que contestedes deixando algún comentario ou nos vindeiros días na hora do recreo na biblioteca.

Estas son as preguntas:
1.- Cantos anos tiña Bee?
2.- Que meteu Bee nos petos?
3.- Cantas veces oubeou o lobo?
4.- Como fixo Bee para poder durmir?

Esperamos que moitas nenas e moitos nenos as saiban responder.

Agardamos as vosas respostas

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis