Contos de nadal e inverno.
Graciñas Mini, graciñas Concha pola vosa eterna colaboración.
Hoxe pola tarde disfrutamos dunha sesión de contos ben agradable.
Comezou Mini remontándose no tempo e dándonos unha boa explicación da orixe das relixións. Logo, contounos un conto relacionado coa tradición cristiana, con moitos referentes da nosa terra que nos engancharon de inmediato na silveira do seu maxín.
E logo tivemos a sorte de escoitar e sentir un marabilloso conto de inverno dramatizado polo alumnado de 4º de primaria e dirixido por Concha que nos transportou a un mundo lonxano e máxico.
A música escollida para dar entrada ao frío, o fabuloso disfrace do Vello do Frío, a espléndida caracterización da merla e as voces que relataron o conto encheron esta tarde a biblioteca de anacos de carambelo, folerpiñas de neve, pedriñas de saraiba e farrapos de nubes negras que nunca esqueceremos.
Grazas de novo Concha, Mini e nenas e nenos de 4º polo voso esforzo e boa vontade.
Volvede a ler o conto e sentide os rigores do inverno outra vez.
Cando o frío invadiu a Terra
Había unha vez un país moi lonxano onde nunca chegara o frío.
As xentes só coñecían o bo tempo, o sol, as flores, as bolboretas,…Ata que un día chegou alí un vello, moi velliño.
VELLO: Levo andado unha eternidade e estou moi canso. Descansarei un poco ao pé desta árbore.
MERLA: Ola! Quen es ti? Nunca te vin por aquí.VELLO: Eu son o Vello do Frío.
MERLA: Pois eu son a Merla Chirla. Que é iso que levas posto?VELLO: É o traxe do frío.
MERLA: E que é o frío?
VELLO: Ben pouco sabes ti! O frío é o que levo sempre metido no corpo.
MERLA: Pois dáme logo un cachiño para que o probe.
VELLO: Mellor será que cho venda pois hei de gañarme a vida.
O vello sacou un anaco de xeo de debaixo da súa capa xeada e deullo á merla.
A merla pagoulle e marchou co xeo, aterecendo de frío.
E foi enseguida contarlles aos seus amigos o conto do Vello do Frío.
E as bolboretas, os sapoconchos, os morcegos e demais amigos, quedaron abraiados pola historia e, sen tardar, foron onda o vello, en busca de frío.
O vello repartía anacos de carambelo, folerpiñas de neve, pedriñas de saraiba, farrapos de nubes negras,…
E tanto vendeu que acabou con todo, e marchou de alí.
Aquel país encheuse de frío, e chegaron as xeadas e as nevadas. E todos os habitantes do Planeta, persoas e animais e plantas, tiveron que mudar: taparse con abrigos, buscar agochos onde protexerse , construír casas, … para non morrer de frío.
E así foi como o frío invadiu a Terra.
FIN

Chúzao
del.icio.us
