Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

aventuras na biblioteca

Arquivo: Outubro 2008

30/10/2008 GMT 1

1ª Edición do ciclo de Contos no curso 2008/09

mgf @ 13:59

Onte foi un día moi especial, os corredores da planta baixa enchéronse de algarabía e rebumbio entre as tres e media e catro da tarde, xa que estabamos a piques de celebrar unha nova edición do ciclo de Contos.

                                  dsc07430-1.JPG

A esa hora todas e todos tiñamos decidido o conto que máis nos apetecía escoitar, e non fora fácil a elección...Desexabamos saber de que cor eran os bicos, que lle pasara a aquela muller que batera nunha araña, que era iso dun ichó e quen era o tal Filomeno, un home ou unha muller?

 dsc07433-1.JPG   dsc07432-1.JPG

Previamente nas aulas tentamos dividirnos para que todo o grupo estivera presente nas diferentes historias, daquela podiamos enterarnos de todo o que pasara...Foi grazas a esta boa organización, tanto das mestras e mestres coma das nenas e nenos, que esta nova edición resultou todo un éxito.

Agradecemos a todo o colectivo e en especial ás rapazas e rapaces de 6º P. que acompañaron e organizaron a distribución dos grupos.

22/10/2008 GMT 1

Anamanana

marga-g @ 16:05

Onte na biblioteca leuse o conto Anamanana.
Esta narración é unha lenda galega sobre os maleficios que sufriu un home por ter faltado a un trato.
Recordades o conto?
Quen era Anamanana?
Como acabou?
Escribide as vosas respostas asinadas por detrás e depositádeas no buzón da biblioteca. Quen sabe?, ao mellor recibides un agasallo.

15/10/2008 GMT 1

A Cincenta na biblioteca

marga-g @ 23:14

Non é fácil describir con palabras a impresión que nos causou o conto da Cincenta que fixo Ana García Quintela o curso pasado.
Esta rapaza, alumna de 4º da ESO do noso cole deixounos totalmente abraiadas a medida que ibamos abrindo o conto, desplegando ventás e colocando todos os elementos dese mundo de fantasía.
Moitas grazas Ana, por querer compartir con nós esta preciosidade.

imgp0342.JPG

Non vos perdades a presentación desta obra de arte e subide á biblioteca o vindeiro venres 17 de outubro.
Repasade o conto da Cincenta e axudádenos a contalo neste marabilloso escenario.

imgp0339.JPG

Lunáticos

teresa.adran @ 18:51

Seguro que xa líchedes nos xornais que os chineses queren pisar a Lúa antes do 2017... pero o que aínda non sabedes é que os alumnos de 1º da ESO de Boimorto pode que cheguen moito antes...
Non queremos dar moitas pistas, pero antes de que remate o curso, os rapaces do Proxecto Interdisciplinar (esa nova asignatura de 1º da ESO) saberán moito máis do que vos imaxinades sobre o satélite máis enigmático, hipnótico e máxico que existe...quen sabe, ata pode que fagan unha Viaxe á Lúa...

 Remexede na biblioteca, que de seguro que atopades abraiantes datos e historias sobre a Lúa. Deica logo!

 

Boimorto viaxa á Lúa

 

Que contan as ovellas para durmir?

marga-g @ 14:10

Esta semana Concha contounos Que contan as ovellas para durmir?.
Queremos saber se aínda recordades a historia da ovella Bee.
Farémosvos logo unhas preguntas que desexamos que contestedes deixando algún comentario ou nos vindeiros días na hora do recreo na biblioteca.

Estas son as preguntas:
1.- Cantos anos tiña Bee?
2.- Que meteu Bee nos petos?
3.- Cantas veces oubeou o lobo?
4.- Como fixo Bee para poder durmir?

Esperamos que moitas nenas e moitos nenos as saiban responder.

Agardamos as vosas respostas

09/10/2008 GMT 1

O libro dos porcos de Anthony Browne

marga-g @ 11:25

Graciñas pola vosa implicación.
A dinamización do conto de hoxe no que as nenas e os nenos de primeiro acompañados por Belén provocou un gran interese e trouxo moitos porcos ao cole de Boimorto.
Magnífico conto para traballar e reflexionar sobre o papel da muller na nosa sociedade. Noraboa

08/10/2008 GMT 1

Cada día un conto

marga-g @ 11:41

Como ben sabedes os contos da biblioteca na hora do recreo de infantil e primaria fan que subamos á biblioteca con ganas de escoitar un conto novo cada día.
Este curso os contadores de contos son fixos:

LUNS: NATALIA
MARTES: CONCHA
MÉRCORES: FRAN
XOVES: BELÉN
VENRES: MARGA

Hoxe, día 8 de outubro Ari, Eva, Alex, Dani, Vanesa e Rafa vestíronse de andoriñas e animáronnos a vir á biblioteca a escoitar o conto: Andoriña viaxeira
Grazas por todo o esforzo que estades a facer.

imgp0327.JPG

07/10/2008 GMT 1

Os contacontos volven á biblioteca

marga-g @ 12:06

Este curso empezaron os contos da biblioteca o día 1 de outubro. Ese día Fran foi polas clases tocando a flauta e acompañado por nenas e nenos disfrazados de ratos invitou a todos a escoitar o conto do Flautista de Hamelín.
imgp0307.jpg
O día 2 Belén contounos o conto Moncho e a mancha que previamente fora publicitado no taboleiro da porta da biblioteca.
O día 3 Marga levantouse do revés, foi polas clases explicando como sucedera tal cousa e prometeunos contar o conto que a fixo poñer coas zapatillas nas mans,os guante nos pes...
O luns, día 6 Natalia animounos a escoitar e descubrir adiviñas e hoxe día 7 apareceron cartas secretas, sabiamente elaboradas por Concha, en todas as clases que invitaban a subir á biblioteca na hora do recreo.
imgp0310.jpg
Seguiremosvos contando as novas de cada día.

06/10/2008 GMT 1

OUTRA VEZ CON VÓS

marga-g @ 11:37

Ola a todas e a todos, como vedes xa estamos de volta no noso blog da biblioteca.
Lembrámosvos que neste espazo pretendemos recoller todas as actividades e proxectos que de algun modo fomentan e dinamizan a lectura no noso centro.
Desexamos a vosa participación, polo que vos invitamos a que fagades os vosos comentarios e propostas no lugar reservado a tal fin.

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis