Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

aventuras na biblioteca

23/06/2009 GMT 1

Os biblioratos e a tómbola

marga-g @ 06:47

Coa I Tómbola dimos por finalizado o proxecto documental de As Meninas "Margarita escapou do cadro" o pasado venres 19 de xuño. Este proxecto planificado por Concha e no que colaborou gran parte do profesorado de infantil e primaria, promoveu no noso alumnado a investigación en torno ao cadro de As Meninas.

Para motivar ao alumnado as preguntas que se lanzaron foron dosificadas no tempo para permitir bucear nas diferentes fontes da biblioteca. Con cada resposta correcta as nenas e os nenos ían conseguindo "biblioratos" que celosamente ían gardando nun sobre habilitado para tal fin.

Aparte do coñecemento que pouco a pouco fumos adquirindo da obra de Velázquez, non sabiamos exactamente a finalidade de ir acumulando biblioratos ata que se celebrou a gran tómbola.

                                untitled.bmp

Vaia sorpresa cando Concha nos reuniu no patio cuberto e nos deu instruccións para canxear os nosos biblioratos...

            p1040556.gif         p1040559.gif

Veredes...por cada bibliorato podiamos coller un ruliño de papel no que estaba escrito un número, por suposto, nas columnas do patio tiñamos unha relación de números e o seu correspondente premio. A verdade é que había premios para todos os gustos: pelotas, sobres sorpresa, contos, globos,lupas, pequenos xoguetes, libros de aventuras... 

             p1040550.gif       p1040557.gif     

Foi un día moi, moi especial. Moitas grazas de novo a Concha e a todas as persoas que dun xeito ou doutro participaron neste gran proxecto.

22/06/2009 GMT 1

Margarita escapou do cadro e...

marga-g @ 22:48

...e foi correndo a un prado onde había vacas. Como estaba cansa sentouse encima dunha rocha.

                      5.jpg

Pero non era unha rocha, senon unha vaca que estaba deitada. A vaca asustouse moito, e Margarita tamén ao vela. E botaron a correr.

Correndo, correndo chegou a Santiago e alí colleu un avión porque quería viaxar a Canarias. Quería poñerse morena e comprar un vestido.

Cando chegou a Canarias tumbouse na area, botou crema e comeu un xeado.

                       6.jpg      

Como facía moita calor foi a nadar e atopou un golfiño que estaba triste porque se perdera.

O golfiño dixo que se subise nas súas costas para ir a pasear e Margarita aceptou.

O golfiño levou a Margarita a unha illa chamada As Palmas, onde había moitas palmeiras e o centro comercial máis grande de España.

Margarita e o golfiño atoparon unha chave na area cando estaban xogando. Tamén había unha pa ao pé dunha palmeira, coa que se puxeron a excavar.

                         3.jpg      

Margarita e o golfiño atoparon un cofre agochado na area.

Abriron o cofre e había un tesouro e un biberón.

                           12.jpg

Logo apareceron uns piratas que levaron o cofre, o golfiño e á Infanta para o barco.

Pero antes de marchar para o barco decidiron abrir alí mesmo o cofre. E del saíu...unha pantasma!

A infanta aproveitou o momento para fuxir dos piratas e botou a nadar cara unha illa deserta.

Despois de nadar un anaco, Margarita estaba esgotada, xa case non daba avanzado e íase afundindo. De súpeto notou que alguén termaba dela e a arrastraba ata a area: era o golfiño que conseguira escapar dos piratas!.

                           14.jpg

Cando pisou a praia, a infanta tumbouse e adormeceu. Mentres durmía soñou que estaba xogando co can do palacio e que ría moito cos bufóns.

E cando espertou, empezou dar brincos e a berrar:

-Quero volver á casa! Quero volver á casa!.

Cando se fixo de noite, Margarita viu unha estrela fugaz que lle cumpriu o seu desexo...

                          15.jpg

E colorín, colorado Margarita está no cadro.

Este orixinal e divertido conto foi creado polo alumnado de educación infantil e primaria e editado en flash polas nosas compañeiras Patricia e Isabel. Grazas ao seu esforzo e constancia poidemos disfrutar das aventuras de Margarita cando escapou do cadro...

17/06/2009 GMT 1

I Gran Tómbola de Boimorto

marga-g @ 23:45

Este venres 19 celebrarase a I Gran Tómbola de Boimorto!!!!!

Xuntarémonos no patio cuberto ás 10:00 horas, alí faremos unha pequena asemblea onde se vos explicará, nenas e nenos, a onde tendes que ir cos vosos biblioratos para conseguir os pequenos premios e onde vos teredes que colocar para esperar a vosa quenda.

NON VOS PERDADES ESTE IMPORTANTE ACONTECIMENTO!!!

Esta actividade final é a culminación do proxecto de "As meninas" que se desenvolveu durante este curso na biblioteca e que grazas á colaboración do profesorado e do alumnado participante, e en especial grazas a Concha, convertimos no proxecto estrela deste ano.

08/06/2009 GMT 1

Silvia e o seu conto

marga-g @ 11:37

E por fin escoitamos o conto de Silvia que fixeron as nenas e os nenos de educación infantil do noso cole, e gustounos moito, moito...

                      p1040494.JPG 

As razóns de que nos gustara tanto foron:

  • Vimos o conto na pantalla grande, como se fora no cine.
  • Escoitábanse as voces do alumnado de infantil, logo eran elas e eles quen iban contando a historia.
  • Tamén había música e os debuxos estaban feitos por eles.

O que máis nos chamou a atención foi que as personaxes se movían!!!

                 p1040489.JPG  

Este conto en flash tan especial foi coordinado, polas profes Isabel e Patricia que fixeron unha labor magnífica.

Moitas grazas polo voso esforzo e polo fantástico conto creado.

03/06/2009 GMT 1

O conto de infantil

marga-g @ 22:19

...Silvia, a nena da historia que vos imos contar, fixo algo mal...

TA- CHAN...

TA-CHAN...!!!!!!

Se queredes saber o que foi, estades invitados a ver o noso conto de Infantil.

                       conto-dos-nenos.jpg

Será na biblioteca o vindeiro luns, día 8 de xuño ás 11:15.

Esperamos que vos guste moito.

25/05/2009 GMT 1

Agustín Fernandez Paz na nosa biblioteca

marga-g @ 23:39

Que privilexio terte con nós...

                  dsc08684.JPG

Porque xa levabamos todo o trimestre traballando as túas obras, dende Laura e os ratos ata A praia da esperanza, dende No corazón do bosque ata Lonxe do mar.

Coñeciamoste tan ben..., as túas gafas, o teu bigode, o roxeo do teu cabelo, a túa mirada agarimosa, tenra e comprensiva...

                          dsc08701.JPG

Así que cando apareciches na biblioteca foi como si esa imaxe tan traballada nas clases cobrase vida, e se humanizase nun amigo que sin esperar nada ofrece a súa sabedoría a un fato de nenas e nenos, de mestras e mestres ansiosos de palabras, contos e relatos.

Primeiro quixemos mostrarte a nos entrega coa presentación en power point que con tanto agarimo compuxemos, logo o alumnado de 1º e 2º fixo unha magnífica dramatización de retazos da túa vida. Inmediatamente despois entregamos os premios ao alumnado gañador do concurso de investigación entorno á túa obra, e posteriormente pasamos ao coloquio no que o alumnado do 2º e 3º ciclo puido profundar nos teus libros, satisfacer a súa curiosidade en relación á túa persoa e ao cabo coñecerte un pouquiño máis.

Finalmente fuches ti quen deches a clave para que as nosas nenas e os nosos nenos orienten a sua creatividade escrita coa pregunta máxica:

                     dsc08737.JPG

Que pasaría se...?

Realmente oficiaches de mago, e a nosa biblioteca gardará a túa presenza por moito tempo.

Moitísimas grazas Agustín polo teu agasallo, polas túas dedicatorias e por compartir hoxe con nós tan entrañable mañán.

     dsc08749.JPG       dsc08751.JPG

18/05/2009 GMT 1

VOTA O TEU FINAL FAVORITO

estelamiguez @ 22:22

Querid@s compañeiros e compañeiras. Nestes días os nenos e nenas de 1º estivemos aprendendo como se fan e cales son as partes dos contos. Esto que veredes a continuación é o noso intento de dar un final, inda descoñecido, para algo que todavía vai a acontecer. O noso conto comeza e transcorre por algo que xa vos resultará coñecido e que puxemos todos en común, pero... e o final?? Que vos parece??
Axudádenos entre todos a decidir cal é o que máis vos gusta, e por que.
Tede en conta que queremos aprender a facelo mellor e así converternos en grandes escritores e escritoras.

Poñede atención as seguintes imaxes:

imagen1.jpg

imagen2.jpg

imagen3.jpg

imagen4.jpg

imagen5.jpg

imagen6.jpg

imagen7.jpg

imagen8.jpg

imagen9.jpg

P.D.: ocórresevos algún outro final? Compartideo con nós!!!

10/05/2009 GMT 1

Atención, atención.

marga-g @ 23:41

As nenas e nenos de 3, 4 e 5 anos estivemos traballando moito facendo un conto que queremos que vexades.

Esperamos que vos guste.

Estade atentos a este blogue porque nas vindeiras datas vos diremos que día poderedes velo...

E o cadro cobrou vida...

marga-g @ 23:31

Brillante introducción a de Concha que ademáis de coordinar a dramatización de "O cadro cobra vida", fixo que nos adentraramos  no cuadro de Las Meninas  analizando e recordando a investigación levada a cabo en torno a cada unha das personaxes: Margarita, Agustina Sarmiento, Dona Marcela, Isabel de Velázquez, José Nieto...e reflexionando sobre a intención do pintor ao plasmar esta imaxe deste xeito.

                   dsc08318-1.JPG

Compre dicir que o alumnado participante bordou a escena e que á pregunta de Que pasaría se estas personaxes empezaran a moverse? transportounos ao máxico mundo do cadro. 

                 dsc08325-1.JPG

Grazas a todas as nenas e nenos participantes e en especial a Concha polo seu entusiasmo e profesionalidade.

03/05/2009 GMT 1

A visita de Cami

marga-g @ 23:23

O pasado xoves, 30 de maio recibimos un divertido e sorprendente telegrama no que se nos avisaba da visita inmediata do noso amigo Cami, que como ben sabedes é un rato de biblioteca capaz de facernos esquecer todos os nosos problemiñas cando nos conta un dos seus contos...

Nesta ocasión amenizou a sesión con "Polgariño" e "Soy el más fuerte".

        p1040211.JPG     p1040216.JPG

Grazas, Cami por vir, por transmitirnos tan ben que a lectura é un pracer e por ser o noso amigo.

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis